Historia

Os inicios. Da terra das sombras e da escuridade…

Outono en Meirama no ano 1987. Zënzar aínda non era Zënzar, senón Mördor. A primeira canción que todos acordaron para dar as primeiras notas fora unha versión de Jumpin’ Jack Flash, dos Rolling Stones, que cantaba Tabe en castelán. As primeiras composicións propias foron Fuera de lugar e o xa clásico Cousa Branca, que podemos atopar no disco Rockanrol (2002).

No Nadal do 1988, Mördor debuta no pub Non Sei da Silva (Cerceda) en formación de sexteto. Con esa primeira formación tocan en sitios como o Picolinos (Cerceda), Discoteca Plató (Calle de Cristal, Laracha) ou no 1º Festival Rock de Meirama, semente para o que sería o Festival de Cerceda. O formato sexteto chega ata ata xuño do 1991, momento no que pasan a cuarteto, ao abandonar o grupo Manuel Jesús (teclados) e Luís (guitarra). 

Desa etapa destaca unha gravación que se fixo dunha actuación en Meirama en marzo do 1990, non tanto pola calidade da mesma (xa que fora feita nun casete portátil), senón  como documento histórico: é a única en formato sexteto, e nela pódense escoitar as primeiras cancións do grupo, tanto as propias coma as versións  para completar repertorio (Tiempos nuevos de Ilegales,  La chica de ayer de Nacha Pop, Lucille, Flor de luna de Santana, etc). Nada que ver co camiño tomado máis tarde polo grupo…

A finais do 1992, nos Estudios Pirámide da Coruña, Mördor grava a primeira maqueta baixo o título de Contos e Lendas de Terra Adentro, incluíndo cinco temas que hoxe son clásicos no seu repertorio (estrenándose xa con portada polémica, onde se vía a policía local de Cerceda perseguindo uns ladróns no seu famoso Mercedes).

Nese mesmo ano aparecen dous temas no vinilo (vinilo!) Rock na Costa da Morte, recopilatorio onde participan seis bandas da zona: Desertores do Arado,

de Cerceda, Impresentables, de Vimianzo, La Crema, de Carballo, Troleblues, Malavida e Zënzar, e das cales só segue en activo Zënzar.

Nesta época o grupo xa dá multitude de concertos por toda a provincia. Daquela xa empezaba a ser valorado fóra do seu entorno habitual, sobre todo na zona da Costa da Morte, onde fan bastantes actuacións, participando en festivais en Laxe, Fisterra, Carballo…

Como para calquera grupo que empeza, estes son anos onde a música é unha excusa para ir de festa…

Zënzar

No verán do 1993 prodúcese, por motivos legais, o troco de nome, pasando a chamarse xa para sempre Zënzar.

E así chegamos ó 1995, ano no que editan a súa segunda maqueta, «Fascinados polo Prohibido», composto de oito temas .Nela xa está o estilo que caracterizará a Zënzar durante toda a súa historia: rock contundente e letras en galego.

Algún tema desa maqueta chegou a ser obrigado no repertorio, coma O blues da gorxa seca ou Bourando. Destácase os dous concertos con Extremoduro, e outros directos con formacións do talle de Platero y Tú, Boikot, Manolo Kabezabolo ou Barón Rojo. A banda xa adoita tocar por toda a xeografía galega.

Primeiros discos. Disparados ó futuro, Todo vai ben.

No 1997 ve a luz o primeiro LP, Disparados ó futuro, composto por doce temas gravados nos Estudios Fussión de Vigo, con Xavier Abreu aos mandos técnicos da gravación. Zënzar reafírmase no seu rock potente e difícil de catalogar, onde predominan as letras combativas, de denuncia social, ecoloxía e manexos políticos. Este é un disco no que, a pesar da variedade estilística, lógrase apreciar unha línea homoxénea e persoal que fai del unha colección de cancións que encaixan perfectamente unha tras outra.

O grupo fai unha extensa xira de presentación que se prolonga nos dous anos seguintes, onde destaca a participación

no primeiro Alén Galicia na Illa de Arousa e no 1º Santi Rock en Compostela.Neste mesmo ano colaboran en dous recopilatorios: Bambán Vol. II e Oito anos de Sequestros con un tema en cada un.

Unha vez  rematada esa xira o grupo entra nunha pequena fase de letargo onde se actúa menos e se buscan ideas para novas composicións. Agora xa contando co novo guitarrista Mario Grela (incorporado xa á xira Bourando do disco Disparados ó Futuro), aportación que se fará notar tanto no directo coma no estudio de gravación, contribuíndo firmemente a compactar a música da banda nas súas aparicións ao vivo.


Na primavera do 2001 sae á luz o segundo longa duración da banda, unha autoprodución tamén gravada nos estudios de Abreu, que baixo o título de Todo Vai Ben, agrupa trece cancións contundentes, urxentes, cantadas todas elas en galego. Unhas cheas de forza e enerxía (Chove, Johnny, Nin un día máis, Ratos no hórreo), outras que combinan tempos medios con outros momentos de gran contundencia (Chegando á casa, Camilo, Cheira mal). As curiosidades son a inclusión, en dous temas, de instrumentos tradicionais como a gaita de Xan Papaqueixos en Todos me queren e o acordeón de Rómulo Sanjurjo (dos Diplomáticos do Monte Alto) en A banda do coche encarnado. Letras irónicas e críticas, contra o caciquismo, a destrucción do medio, contra o poder e a hipocresía. Unha ironía xa presente na portada, presidida polo lume e a morte, na que asasinos e torturadores sorrín ó espectador (sen esquecer a contraportada, onde as vacas revolucionarias ameazan con tomar a

propia catedral de Santiago, mentres a cidade arde).

O disco recibe moi boa acollida por parte do público e da crítica, aínda que non alcance vendas moi importantes posto que non conta con distribución oficial: só coa promoción que fai o propio grupo nos concertos e uns poucos medios ó seu alcance.

Nada máis saír Todo Vai Ben á rúa, a banda comeza a xira máis longa dende a súa existencia. Non sin moitos esforzos, pois foi totalmente autoxestionada. Ó final do ano foron preto de corenta concertos contados. Compre destacar un: o día da patria galega, o 25 de xullo en Compostela, diante de miles de persoas entusiasmadas, con ganas de festa, que disfrutaron como nunca da música do grupo. Outros a destacar foron o Grelo Folk en Monfero, o I festival Ordes-Rock, o 1º festival Música en Tempos en Pontevedra e o festival Ponte Louco en Castro Caldelas (Ourense).


Terceiro disco. Rockanroll. Bourando na capital do estado.

No ano 2002 remata a longa xira de presentación, un remate non exento de incidencias,  que fixo que quedara algún concerto pendente. Primeiro pola enfermidade do baixista, ó que sustitui Anxo de Sensacha, ex Machina, e despois pola do cantante. Unha vez que todos se repoñeron, o grupo decídese a plasmar en disco oito temas preparados ó longo dos primeiros meses do ano, baixo o nome de Rockanroll. A gravación ten lugar na última semana de marzo nos estudios Bonhan de A Coruña. E o disco edítase no mes de xuño dese ano, autoproducido, coma sempre. Os resultados foron os esperados: este era un disco máis para fans, onde se facía un percorrido por temas inéditos rescatados dos inicios da banda.

Editado este traballo o grupo reláxase un pouco: non se fai ningunha xira específica para presentar este disco, debido a súa naturaza. Igualmente hai bastante actividade, destacando a primeira incursión en Madrid na Sala Siroco, xunto con outros grupos como Salida Nula, Hirurko e Kambotes.

Este ano estivo marcado pola traxedia do Prestige, e como non podía ser doutra forma Zënzar participou a finais do ano en dous concertos solidarios que resultaron todo un éxito (no pub A Roda, de Malpica e no Disco-pub Non Sei de Cerceda).

O 2003 e 2004 son anos de transición, non hai moita actividade en canto a concertos e o grupo empeza a plantexar a necesidade de poñerse a traballar seriamente nun novo disco, traballo que comeza no inverno de 2004. Inverno que se presentou máis accidentado do esperado: primeiro suspéndese o concerto na Mardi Gras de A Coruña por enfermidade repentina de dous compoñentes do grupo (este concerto por fin se levou a cabo en outubro de 2005 con grande entrada de público). Despois, e para sorpresa de todos, Manuel Silveira, guitarrista fundador, abandona o grupo. E para rematar o ano pecha o Badulake, emblemático local de Ordes, centro de reunión dos rockeiros da zona ó longo de cinco anos (que volveu estar activo, pero noutro local próximo).


Nova etapa. Sigue e dalle!

A pesar deste panorama, os restantes membros do grupo deciden tirar para diante, e así chega o 2005, que resultou ser un ano bastante proveitoso xa que se consegue rematar o traballo de composición dos novos temas, xa con Mario como único guitarrista. Este novo formato tamén é posto a proba en directo en dous concertos resultando todo un éxito,  (temerosos como estabamos de que se notara en exceso a falta de Silveira). No 2006 Zënzar edita o seu cuarto traballo, Sigue e dalle, o cal foi gravado entre febreiro e marzo no Estudio Océano de Nigrán de Xavier Abreu.

Inclúe tamén  un DVD con contido diverso: varios videos, entrevistas, galería fotos, páxina web, letras, biografía, discografía, algunha rareza, etc., traballo que fixo Benjamín Trillo e o seu equipo. Este novo traballo e a incorporación de Paco Cerdeira á guitarra, (xa colaborara nalgún tema do disco) suporá un punto de inflexión na andaina do grupo.

Sigue e dalle acada moi boas críticas en canto a calidade da gravación e destácanse temas coma O Padriño, do que se fixo un videoclip e outros coma Arrastrado, Tiven un bar, Dalle ou Doutor, indispensables no repertorio de Zënzar.

Nos dous anos seguintes Zënzar segue cos seus concertos recibindo moi boas críticas, posto que a incorporación de Paco Cerdeira á guitarra supuxo un grande pulo para o grupo. Tanto no que se refire ós temas do último disco como a reinterpretación de clásicos da banda. Tamén supón a apertura a novos ritmos pouco explorados anteriormente pola banda. Esto culminará no ano 2008, cando o grupo é chamado para tocar no Festival de Pardiñas, e se decide incorporar por primeira vez ao seu directo instrumentos que só apareceran esporádicamente nas gravacións. Así, e cunha grande acollida por parte do público colaboraron con Zënzar un gaiterio e tres percusionistas.


Quinto disco. A tribo non morreu!

O 2009 é o ano da publicación de A Tribu. Un traballo moi rockeiro con arroutadas punkies, heavies e tradicionais. Trece cancións, fieis ao estilo Zënzar, que lembran a filosofía dos seus compoñentes, as súas raíces nunha aldea que esmorece. Pezas que falan da condición dos galegos sen complexos, dos inicios rockeiros, das contradicións do ser humano…

Inclúe un agasallo en forma de bonus track, unha versión acústica de Tiven un bar, que forma parte do anterior disco. Igual que o anterior, o disco foi co-producido por Xavier Abreu nos Estudios Océano de Nigrán (Pontevedra), e nel colaboraron: Xurxo Souto (Tres Trebóns), Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Gende Beat (voces), Pablo Dalama (Mamá Cabra), ó saxo, María X. Silvar (Sés) á voz. Manolo Suárez e David Bolaño ás percusión, José M. Ares á gaita e o “Reverendo” Javier Pardeiro ás voces. Este disco presentouse no Festival de Cerceda de maio de 2009 e foi rexistrado audiovisualmente. Deste xeito o 2009, e sobre todo 2010, son anos onde o grupo se adica practicamente

en exclusiva aos concertos, presentando A Tribu por todo o país. Podemos destacar a súa participación no Karraskal Rock en Zamáns, Vigo, xunto a Rosendo, Sínkope e outras bandas, o Arreaocabo en Celeiro xunto a Segismundo Toxicómano, o Grelo Folk en Monfero, xunto a Ultraqäns e outros grupos, ou o Galle-rock en Ribeira. Tamén fan un directo para Radio Galega Música o 31 de xullo no programa Planeta Furancho e producen o videoclip de Tiven un bar en acústico.

Recén rematado o 2010 co concerto de despedida de xira no Badulake de Ordes, e comenzado o 2011, o grupo céntrase na composición dos novos temas que darán forma ao seu séptimo traballo. Sen descuidar o directo na primavera, onde resultan gañadores do certamen Correlingua, levando o seu directo por todo o país, e no verán, participando en festivais como o Barqueirock, ou o Festival de A Chaira. Tamén acuden ao programa da TVG Luar presentando o seu videoclip de Tiven un bar.


Vaise armar

En decembro de 2011 entran a gravar no estudio de Javier Abreu as cancións que comporán o novo traballo da banda, e ao mesmo tempo decídese a publicación do DVD Zënzar ao vivo. Cerceda 09, cunha selección de cancións extraídas do concerto que deu a banda no Festival de Cerceda 09. Fan dous concertos para presentar este traballo audiovisual: na Taberna de Cerceda, en formato acústico por primeira vez na historia do grupo,

e na sala Badulake de Ordes con todos os colaboradores que aparecen no DVD, servindo así de despedida a este templo do rock que decidía pechar as súas portas un mes máis tarde.

Chegado o 2012  publican o Vaise Armar, sexto disco,  presentado nun concerto na sala Josfer do Mesón do Vento ateigada de xente. Nese  mesmo ano tocan en festivais coma o Derrame Rock  ou o Brincadeira.


Vai polos padriños! tributo aos 25 anos de Zënzar

En 2013 reciben por sorpresa a publicación dun disco homenaxe polos seus 25 anos: Vai polos padriños, tributo aos 25 anos de Zënzar. Nel, 18 banda galegas versionan temas de Zënzar, bandas coma Ruxe Ruxe, Dios Ke Te Crew, Machina, Os Tres Trebóns, Invivo, Som Do Galpom, Raiba, K-Raxe, Compañía do Ruido… Todo esto fai posible que o grupo faga unha extensa xira de celebración tocando en importantes festivais e salas do país, como o festival de A Chaira, O Revenidas o Castelo Rock de Muros, etc.

Camiñando entre serpes

O 2014 foi un ano de transición cara o novo traballo de estudio. A banda actúa pouco en directo e se centra na composición e grabación do novo material. En maio de 2015 preséntase, na sala Josfer, o seu penúltimo traballo Camiñando entre serpes. A de Xosé M. Ares á gaita e de Xenderal á voz e beat box serán colaboracións reflectidas no disco e  consolidadas nos directos. Tamén colaboran Vituco Neira á voz, Miguel Duarte á guitarra  e Xan ao saxo, os tres membros de Ruxe Ruxe.

Camiñando entre serpes son once temas  potentes, cun son á altura da traxectoria do grupo. Simboliza un mundo no que non importan as persoas

nin o medio natural e priman os intereses das grandes transnacionais, do capital. Un disco escuro e cun personal traballo de Juan Luís Rúa, fotógrafo e amigo. Desta volta trataron de conseguir un son máis cercano ós directos gravando ao vivo no estudio Escola da Rúa en Carballo, con Javier Abreu como co-productor e Manolo Dourado como asistente.

Despois de presentarse a finais de outubro o videoclip Cortina (un tema que pon música a un poema de Díaz Castro, poeta homenaxeado polas letras galegas do 2014) como adianto do novo disco,  foi seleccionado polo  Festival de la Luz de Bogotá (Colombia).


Malas novas. seguir adiante

A finais do 2015 en plena xira cos irmáns Ruxe Ruxe prodúcese a inesperada baixa por enfermidade do seu baixista de sempre, Tabe, sendo sustituido temporalmente por Carlos de Ruxe para pechar a xira e tocar no festival A Candeloria de principios do 2016 e posteriormente de xeito definitivo por Laura Romero, en marzo do 2016. Neste mesmo ano resultan gañadores, de novo, do certame Correlingua (que xa gañaran no 2011) e así nestes concertos producese o debut de Laura Romero ao baixo, tocando posteriormente en festivais tales coma o Rock in Rian de Rianxo.

A finais do 2016 prodúcese unha das peores novas na historia de Zënzar: a perda dun dos seus membros fundadores, Tabe, enfermo dende facía un ano. O grupo decide  seguir cara adiante, animado meses atrás polo propio Tabe que os acompañara, a modo de despedida,

ao longo dese verán nalgúns festivais, trasmitíndolle o seu desexo de que continuasen sen el.  Así, en quente, organízase a finais de xaneiro do 2017 o primeiro concerto homenaxe a Tabe cunha sala Malatesta de Santiago abarrotada, o cal sempre quedará na memoria dos Zënzar. Por alí pasaron Manolito Buyo de Dr. Garimba, O Reverendo, O Leo, a poetisa Rochi Novoa, 12 Labirinto e Zënzar coas colaboracións de Úrsula (sobriña de Tabe, que tocou Cousa Branca co baixo do seu tío), Ares á gaita e Xenderal ás voces.

O grupo continúa coa súa traxectoria tocando no festival Eu presumo de galego no Gatos de Melide, na sala Auriense de Ourense, no Espantada Rock de Sarria, no Festival das Letras na sala Túnel  de A Coruña, no Elviña Sons do Barrio de Elviña ou nas Festas do Barrio de San Pedro en Santiago…e tamén teñen a honra de participar no concerto inauguración da sala Rebullón de Mos…Dedican a parte final do ano a traballar nos temas que conformarán o novo traballo de estudio da banda, o primeiro con Laura Romero ao baixo e o primeiro despois de Tabe.

2018 resultou un ano de moita actividade en directo (en salas e festis destacados como o Noceda Rock, Cruceiro Rock, Algarabía, Armadiña Rock, Rockin’ Carballo, Festival das Brétemas) e no local, compoñendo os novos temas ós poucos, e poñéndoo a punto para poder traballar mellor nel. É o ano no que cumplen 30 anos de vida.

Benvidas ó futuro. zënzar na Actualidade

Zënzar leva agora 31 anos sobre os escenarios galegos e 8 discos publicados (mais dúas maquetas). Os de Cerceda comezan o 2020 cun novo traballo discográfico, Benvidas ó futuro, o décimo da súa historia se temos en conta as dúas primeiras maquetas. Este novo disco ten novidades que o diferencian dos anteriores. Con Roi Gil, técnico de directo e o sexto zënzar, ós mandos técnicos da gravación por primeira vez, conseguen unha potencia similar á dos directos. Ademais, todo o proceso de creación tivo lugar no local de ensaio, recentemente mellorado e equipado. Tamén se trata do primeiro con Laura ó baixo, que tamén se encarga do traballo de deseño (é ilustradora profesional). Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda.

Benvidas ó futuro é un disco que mira ó pasado (facendo alusión ó primeiro disco da banda, Disparados ó futuro, lanzado no 1997) pero sobre todo ó momento presente. Apostando polos directos enérxicos e guitarreiros habituais, Zënzar pon voz e música ós problemas persistentes na Galicia do século XXI, como é a eucaliptización do territorio, as políticas do espolio, as loitas das labregas e dos labregos, a historia das mulleres do rural ou a contaminación. Sen esquecerse de mencionar as redes sociais e as novas formas de relacionarnos que trouxo o progreso tecnolóxico, un futuro que agora non parece tan bonito como nolo pintaban.

Debido á irrupción do estado de alarma pola crise sanitaria en marzo, a xira de presentación do disco viuse aprazada, retomando os directos segundo o estado da pandemia o permita.