Noche de rock con Zënzar en la sala Mardi Gras. Adiante Galicia, Lobos de Metal 12/10/2021
Música e Lingua, con Xosé A. Bocixa e Laura Romero. Diario Cultural, Radio Galega, 23/2/2021
Xosé A. Bocixa, novo disco de ZËNZAR «BENVIDAS Ó FUTURO»: «É un traballo colectivo, artesanal e sincero, é unha banda de directo». Salta da cama, Radio Estrada, 26/2/2021
Zënzar: «Nós, se somos algo, é unha banda de directo». A Tarde, Radio Galega, 08/1/2021
Xosé Bocixa, vocalista de Zënzar: «Hai que seguir pensando e, polo tanto, molestando». Fugas, 18/12/2020
No outono de 1987 nacía unha banda de rock na parroquia de Meirama, no concello de Cerceda. Eran os Mördor. Hoxe este nome – que significa “País Negro” en sindarin, a lingua élfica inventada por Tolkien- é plenamente coñecido. Cousas do cinema, que inseriu na cultura pop do século XXI unha triloxía que na altura non contaba con tantos seguidores. Porén , para aquel grupiño de rapaces de Meirama, das Encrobas e outras aldeas da redonda, o topónimo tolkiano era o mellor xeito de describir a paisaxe en que vivían desde que a Central Térmica de Meirama comezase a funcionar no 1977 nunhas terras levadas á veciñanza a ferro e lume.
Trinta e tres anos despois a central de Meirama vén de fechar e aquel monllo de rapaces –hoxe, veteranos do rock- veñen de sacar o seu oitavo disco de estudio, Benvidas ó futuro (Autoeditado, 2020). Iso si, despois de teren problemas legais co nome en 1993, deron en chamarse Zënzar. Os alcumados “padriños do rock galego” son a banda de rock na nosa lingua máis lonxeva, retornan neste novo traballo aos máis crus e punk-rockeiros dos seus comezos e mostran que a pesar dos anos e das vicisitudes teñen aínda moito que contar.
O disco foi gravado en Nave 17 entre decembro de 2019 e xaneiro de 2020 por Roi Gil, quen se encargou tamén das mesturas e masterización. É a primeira vez que Gil, técnico de son oficial da banda, toma o control do proceso de creación dun disco de Zënzar xa que historicamente viña sendo Xavier Abreu o encargado das gravacións, desde o Disparados ó futuro gravado nos Estudios Fussion de Vigo en 1997. Entre as colaboracións, algúns habituais como Manuel Silveira, exmembro da banda, Xavi Pardeiro, O Reverendo, ou Miguel Duarte e outras inéditas como a de Zeltia ou Juankar, voz dos Boikot.
As dez cancións do disco pódense conseguir no tradicional formato CD ou nun máis novedoso formato USB, onde para alén dos novos temas tamén achegan unha escolma dos seus trinta e tantos anos de andaina con trinta e tantas cancións tiradas dos seus discos anteriores, de Fascinados polo prohibido –unha das súas maquetas iniciais, do 1995, a primeira asinada como Zënzar- até o Camiñando entre serpes do 2015,
derradeiro traballo no que aparece Tabe, antigo baixista do grupo falecido en 2016. A el dedican este Benvidas ó futuro, nomeadamente o terceiro corte, “O Samurai”. Trátase polo tanto do primeiro traballo en que aparece Laura Romero, a nova baixista desde 2016 e encargada tamén agora do deseño do disco. Romero, música e ilustradora, responsable do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, é a última incorporación dunha
banda pouco dada ás mudanzas de membros e na que Bocixa, voz, e Manolo García, batería, levan desde o comezo, como tamén levaba Tabe, e Mario Grela pasa dos vinte anos como guitarrita. Paco Cerdeira, a outra guitarra, máis de dez. Velaí a formación, batería, baixo, dúas guitarras e voz, coa que Zënzar camiña polos carreiros do punk-rock sen dar apenas acougo nos dez cortes do disco. Apenas a intro de “Maruxa”, obra do Reverendo, ou “Abusei”
dan un pouco de tranquilidade nun traballo rabioso e contundente que recolle unha nova versión de “A culpa foi de Leño”, a autobiográfica e exitosa canción que xa aparece en A «Tribu«, traballo do 2009. Na mesma liña, con lembranzas de quilómetros de estrada e calos nas mans, está “Historia do rocanrol” mais no fondo paira sobre moitas das cancións do disco unha ollada ao tempo pasado, como en “Todo se extingue”, “Abusei” ou “Fomos o futuro”. Xunto a estas revisións dos camiños andados, a denuncia da desfeita das minas contaminantes, “Mercaderes da morte” ou a reivindicación da loita, “Standing rock” completan as temáticas das que Zënzar falan neste disco. Puro punk rock. Sinxelo, ben feito. Sen altibaixos ao longo do disco. Tal e como son os seus directos, nos que Zënzar soan como unha máquina exquisitamente engraxada. Na mesma liña humilde e contundente coa que levan 33 anos sucando os mares do rock.
Ramona Órbita: a dona do tempo.
Paco Cerdeira, guitarra dos Zënzar, mantén ademais unha carreira paralela, enfocada ao público infantil para o que é máis coñecido por Pakolas. Membro de Mamá Cabra durante dez anos, despois da Gramola Gominola, ten tempo tamén para o seu proxecto en solitario neste eido do kindie rock. Despois dun traballo de estrea homónimo en 2017, nos que buscaba achegarlles aos máis novos o rock´n´roll baixo a interesante máxima de “música para tod@s con letras axeitadas aos cativ@s”, Pakolas volve agora coa mesma receita neste seu segundo libro-disco publicado por Galaxia. Nel cóntanos a historia de Ramona, labrega dos tempos dos sputniks que diría Ferreiro, unha muller do Courel cunha horta automática de patacas cibernéticas e dona dunha incrible máquina do tempo coa que percorremos o pasado e o futuro na procura da máquina de movemento perpetuo de Leonardo da Vinci.
Inspirada na propia bisavoa de Paco Cerdeira, esta muller e a súa máquina farannos viaxar nas dez cancións do disco polo rock´n´roll e tamén pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo polo futuro.
O libro disco, que contén as letras das cancións, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro facilitarán á achega ao traballo dos mais cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidade de Salamanca, creadora do proxecto Músicas Galegas Ilustradas e compañeira de Cerdeira nos Zënzar, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras.
O pasado martes día 9 estivemos conversando co amigo Vituco Neira, e esta foi a reportaxe radiofónica que sacou n’A Tarde da Radio Galega do venres 12 (clic na imaxe para escoitar):

O mércores 10 de xuño presentamos nas redes o novo videoclip, Standing Rock, o segundo adianto do novo disco. Así pechamos o telexornal de TVE (clic aquí para ver o programa, a partir do minuto 11:18):
Standing Rock noutros medios: