Música e Lingua

Música e Lingua: repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nela é unha actividade realizada pola banda dirixida a alumnado de secundaria e adaptable tamén a público adulto xeral. Desde o ano 2022 existen dúas versións.

Música e lingua (banda)

A xornada divídese en dúas partes; a primeria, unha charla a cargo de Bocixa, Paco e Laura, e a segunda un concerto con todos os compoñentes de Zënzar.

Durante a charla debullamos, dun xeito entretido e mesturando vídeo, música, palabra e ilustración, toda a información necesaria para entender a importancia da nosa lingua como elemento dinamizador e imprescindible dunha cultura.

Realizamos tamén un percorrido pola historia da música contemporánea galega cantada en galego e buscamos a participación e diálogo co público asistente, desde precursores coma Andrés do Barro nos 70 ou os Resentidos nos 80 (pioneiros en mesturar o son da gaita co rock en galego) ata bandas en activo máis recentes, coma Ortiga, Tanxugueiras, High Paw, Dios Ke Te Crew ou Laura Lamontagne.

Para tratar a presencia e a importancia (non sempre recoñecida) das mulleres no panorama musical galego, falaremos do proxecto Músicas Galegas Ilustradas e das actividades realizadas dentro del (a análise da paridade en festivais galegos, a publicación Ferreñas & Rock and Roll, etc) para entender o papel das mulleres na música e cultura galegas.

A ter en conta:

Esta modalidade implica un espazo máis grande e adecuado para concertos destas características (interior ou exterior).

A duración mínima é de 75 minutos.

Betanzos (setembro 2022). Foto: Miguel Iglesias

Música e lingua (trío)

A modalidade do trío é unha adaptación para espazos máis reducidos e tempo máis acotado, aínda que o recomendado son 70 min.

Neste espectáculo non hai partes diferenciadas como no caso anterior, senón que o faladoiro e o concerto van intercalados. O repertorio é algo máis breve, en en formato guitarra e voz. Hai unha aportación a maiores, que é a da realización dunha ilustración en directo a cargo de Laura Romero, relacionada coa temática do seu faladoiro (o papel das mulleres na música galega).

Arzúa (novembro 2022). Foto: Concello de Arzúa

galería